mércores, 11 de novembro de 2009

Lista de proxectos de 2º de ESO para o Curso 09-10


Unha dos aspectos máis interesantes da materia de Tecnoloxía é a posibilidade de poñer en práctica os coñecementos teóricos que se explican na Clase e aprender técnicas e métodos de construción e traballo con diversos materiais, sacando o máximo partido á estupenda aula-taller de que dispoñemos no noso Centro.

Para acadar isto, ó principio do Curso se dan a elixir uns proxectos que considero adecuados ó nivel de coñecementos e de destrezas dos alumnos. Estes proxectos contan sempre co correspondente plano de proxecto, pero tamén teñen a opción de decidir eles o seu propio proxecto e, partindo de cero, deseñar os seus propios planos.

Os proxectos adoito adaptalos dos excelentes planos de proxecto que veñen cos Kits de construción de Opitec, que é un subministrador de material escolar que recomendo, pois xa son moitos os anos que levamos traballando a partir de material subministrado por eles.

Durante a realización do Proxecto Técnico adoitan adoptarse solucións a problemas de construción ou se deciden modificacións no proxecto orixinal que os alumnos deben recoller nunha memoria final similar a un plano de proxecto (que pode servir de base para o traballo en Taller en futuros Cursos).

Pódese acceder á lista de proxectos seleccionados polo alumnos de 2º de ESO A e B para o Curso 09-10 en formato PDF, premendo no enlace: Lista de proxectos 09-10.

martes, 3 de novembro de 2009

O Blogue do Taller de Tecnoloxía comeza a súa andaina


Durante este Curso 2009-2010 comeza a súa andaina o Blogue do Taller de Tecnoloxía que co nome de "TRASTEANDO NO CHANO PIÑEIRO" veño de crear, coa idea de proporcionar un taboleiro onde os alumnos aos que lles imparto a materia de Tecnoloxías, poidan mostrar os seus traballos ou acceder aos contidos da materia en formato dixital.

Durante este Curso unicamente aparecerán neste Blogue os traballos máis salientables dos alumnos de 2º de ESO A e B do IES. "Chano Piñeiro", pois son estes os alumnos aos que lles imparto a materia de Tecnoloxías (os proxectos e traballos de Tecnoloxías do grupo de 3º de ESO Diversificación seguirán expoñéndose no Blogue "Flor de Toxo").